Investigan a orixe dunha 'bazuca' que un veciño atopou sobre un contedor en Echegaray
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Policía Nacional mantén aberta unha investigación para aclarar a orixe dunha ‘bazuca’, arma lanzagranadas, que apareceu na tarde deste martes apoiada sobre un contedor da rúa Echegaray de Pontevedra.
A arma non ten carga explosiva e foi retirada do lugar polos Técnicos Especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos da Policía Nacional (Tedax). Logo, foi trasladada ás súas dependencias en Vigo para analizar.
Unha vez retirada, investígase quen puido deixala no lugar e a súa orixe.
Segundo a información facilitada por fontes policiais, un veciño da zona localizouna ao redor das oito da tarde. Acudiu a tirar o lixo e viuna sobre o contedor, de modo que alertou ao 112 Galicia.
O aviso foi derivado á Policía Nacional, que activou o protocolo de actuación ante a localización de explosivos.
A Policía Nacional púxose en contacto coa Brigada Galicia VII, Brilat, para tentar lanzar un pouco de luz sobre a arma localizada.
Os especialistas de explosivos da Policía Nacional e da Garda Civil actúan con frecuencia ante a chamada de veciños que localizan nas súas propiedades armas antigas ou explosivos e chámanlles para a súa retirada, pero non é habitual a localización deste tipo de dispositivos na vía pública e nas circunstancias nas que ocorreu este martes .
A arma non ten carga explosiva, pero, se se arranxa, podería chegar a utilizarse.
Unha 'bazuca' é un lanzagranadas portátil consistente nun tubo que se apoia no ombreiro e empregado principalmente contra os carros de combate.