O Fondo de Garantía Salarial aboou no 2023 máis de 10,6 millóns de euros a case 1.400 traballadores da provincia
Por Oskar Viéitez
Case 1.400 traballadores da provincia recibiron máis de 10,6 millóns de euros en conceptos de atrasos e indemnizacións de empresas en concurso ou insolventes por parte do Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), dependente do Ministerio de Traballo e Economía Social.
A oficina do Fogasa da provincia é a décima de España que maior número de expedientes tramita.
O tempo de tramitación das prestacións en Pontevedra no ano 2023 foi de 23,21 días, reducíndose en dous días con respecto ao ano anterior, segundo os datos facilitados pola Subdelegación do Goberno.
Este organismo é tamén referente no avance de tramitación electrónica de expedientes, que configuran a práctica totalidade dos seus procedementos.
No 2023, a oficina provincial tramitou un total de 1.728 expedientes de 551 empresas, dos cales 1.265 de 337 empresas foron aprobados, beneficiando a 1.361 persoas -o 53 % dos beneficiarios eran homes e o 47 % mulleres-.
En total, o organismo estatal aboou 10.585.421,53 euros en concepto de salarios (2.455.608,66 euros) e indemnizacións (8.129.812,83 euros).
Así mesmo e como consecuencia da súa actividade recuperatoria, o Fogasa ingresou na provincia durante o ano pasado 4.088.553,03 euros provintes dos abonos das empresas en situación de concurso e insolvencia.
O Fogasa é un organismo autónomo de carácter administrativo e dependente do Ministerio de Traballo e Economía Social que ten atribuído o abono aos traballadores dos salarios e indemnizacións que as empresas para as que traballan non puideron satisfacer por atoparse ou ben nunha situación legal de insolvencia ou por ser declaradas en situación de concurso.