O veciño denunciado nega terse apropiado dun camiño público en Lourizán
Por Oskar Viéitez
O veciño do Marco acusado por outros residentes das parroquias de Lourizán e San Xulián da suposta apropiación do camiño público do Pornedo nega calquera apropiación indebida.
En declaracións a PontevedraViva este veciño asegura que "o camiño do cal se fala eu non o toquei, segue estando cos seus marcos lindeiros da miña leira" da cal, afirma, consta acreditada a súa propiedade no Catastro. Para reforzar os seus argumentos achega como probas un estudo elaborado por un perito.
Segundo expón este home "a cuestión é que co antigo propietario da parcela había un par de veciños que estaban afeitos facer todo o que querían, sendo propiedade allea" e agora, asegura, ven contrariados porque "non deixo que usen a miña propiedade para aparcar coches" ou para "pasar máquinas de gran envergadura".
Este home rexeita tamén os supostos "problemas de convivencia" que denunciaron os seus veciños "é mentira" afirma "só fai falta preguntarlle aos veciños que son da zona se iso é verdade" e lamenta que "non é normal que che tente descualificar con insultos una das propietarias das parcelas lindeiras".
Igualmente nega rotundamente que bloquease un camiño público con grandes pedras e explica que as que aparecen na fotografía achegada polos veciños "son marcos de propiedade os cales non se pode retirar".
Por último, o denunciado indica que hai un ano e medio quixo pechar a súa leira cun muro, para o cal abriu unha gabia, sendo denunciado por iso polo que paralizou as obras e reacondicionó o terreo ao seu estado anterior "pero non contentos seguen querendo facer de dominio público algo que tanto catastral como urbanisticamente é privado", conclúe.