Máis de 60 deportistas de elite fórmanse este curso no campus universitario de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Dende a aprobación en 2021 do Estatuto do Estudantado Deportista na Universidade de Vigo, o número de alumnado que ten recoñecida esta acreditación non fixo senón aumentar curso tras curso.
Este documento regula a consideración do estudantado deportista e establece medidas que permiten conciliar a vida académica coa práctica deportiva.
Tras pechar a pasada semana o prazo de inscrición no rexistro de deportistas de elite para este curso, a cifra de deportistas recoñecidos como tal que cursan os seus estudos nas aulas da Universidade de Vigo actualmente é de 91 sendo a gran maioría alumnado do campus de Pontevedra.
A paridade de xénero é case total, con 45 mulleres e 46 homes, que se reparten en 23 modalidades deportivas diferentes, que inclúen dende o automobilismo ata bádminton, squash, iudo ou remo. Ademais, a estes 91 hai que sumar outros 18 deportistas de nivel intermedio, dos cales 10 son mulleres e 8 homes.
Por titulacións, Ciencias da Actividade Física e do Deporte concentra o maior número de deportistas de elite con 35, seguido de Fisioterapia con 16 e, a continuación, Educación Infantil e Educación Primaria, que suman entre as dúas 13 deportistas. Todas son titulacións do campus de Pontevedra.
Respecto das demandas e necesidades destes estudantes, dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte explican que as accións de apoio máis demandadas adoitan ser o cambio de datas de exame ao coincidir con competicións ou concentración e os cambios de grupo de prácticas para poder conciliar a vida deportiva coa formación académica.
Poden ser considerados deportistas de elite todo o alumnado co recoñecemento oficial de deportista de alto nivel (DAN) ou deportista galego de alto nivel (DGAN; os que teñan consideración de deportistas de alto rendemento pertencentes a un centro de tecnificación deportiva (CTD); as persoas seleccionadas polo equipo nacional nos últimos dous anos, en calquera das súas categorías de idade; os participantes de maneira regular na máxima categoría estatal da súa modalidade deportiva ou en competicións profesionais recoñecidas como tal polo CSD, en categoría absoluta ou júnior e con licenza en vigor; as persoas adestradoras, técnicas e xuíces, que participen de maneira regular na máxima categoría estatal ou teñan a consideración de DGAN ou DAN; os deportistas Erasmus e doutros programas de mobilidade cun nivel deportivo equiparable; e os membros do Programa da Asociación de Deportes Olímpicos (ADO) ou do Programa de apoio ao deporte obxectivo paralímpico (ADOP). Para o rexistro de deportistas de nivel intermedio non hai data límite de inscrición.
MEDIDAS APLICABLES AOS DEPORTISTAS DE ELITE
O Estatuto do Estudantado Deportista comprende unha serie de medidas para o alumando que sexa deportista de elite, todas elas encamiñadas a combinar os soños deportivos cunha educación universitaria de calidade. Para isto, por exemplo, poden escoller o horario, quenda ou grupo que máis se axuste ás súas necesidades, e tamén teñen flexibilidade no calendario de exames para compatibilizar os estudos coas competicións, adestramentos, concentracións e demais actividades. Tamén poden xustificar as faltas de asistencia ás clases por participar en competicións oficiais, concentracións e adestramentos da selección española e poden obter un recoñecemento de ata 6 créditos ECTS pola súa actividade deportiva, acceder de balde ás instalacións deportivas e participar en programas específicos de atención e axudas para facilitar a conciliación. Finalmente, tamén se contempla unha reserva non inferior ao 5 % en prazas das residencias universitarias.
Ademais, tamén se contemplan medidas específicas de apoio para deportistas de base e de nivel intermedio que favorezan a súa participación en representación da Universidade de Vigo.
Relacionadas:
-
A Universidade programa sete novos obradoiros abertos a toda a cidadanía
Por Redacción |
-
A alga zostera pode ser unha aliada das mariscadoras para mitigar a caída da salinidade na ría
Por Oskar Viéitez |
-
Encontro na Vicerreitoría para concretar as prazas de aloxamentos universitarios en vacacións
Por Redacción |
-
Museo de Pontevedra e Universidade de Vigo colaborarán no proxecto do Campus Crea
Por Redacción |
-
37 estudantes de 15 países completan o curso universitario no campus en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |