O Entroido, en Cerdedo o domingo 11 e en Carballedo o sábado 24
Por Redacción
Os desfiles de disfraces volverán a ser, un ano máis, o eixo fundamental da programación de Entroido de Cerdedo-Cotobade. Haberá dous, un en Cerdedo e outro en Carballedo.
O desfile de Cerdedo terá lugar o domingo 11 de febreiro e sairá ás 16.00 horas dende o centro cultural. Todos os participantes desfilarán e mostrarán as súas habilidades ao público no pasacalles ata o pavillón municipal.
No caso de Carballedo, a marcha celebrarase o sábado 24 de febreiro. A saída está programada para as 17:00 horas dende a Praza da Chan. Alí, os participantes percorrerán as rúas alegrando e divertindo aos espectadores cos seus bailes ata o pavillón de deportes, última parada prevista pola organización.
Os participantes, o público asistente e tamén visitantes desfrutarán en ambos os dous días dunha festa e baile de disfraces, con actividades para toda a familia como a varredoira humana, pista de obstáculos, ludoteca, obradoiros, inchables ou disco infantil.
Todas aquelas persoas e grupos que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse de luns a venres, nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas.
En total, o Concello de Cerdedo-Cotobade repartirá 300 euros en premios aos mellores disfraces individuais e en parella, mentres que haberá fixos que oscilarán entre os 125 e os 250 euros para os grupos de entre 10 e máis de 26 participantes.
En caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, tanto en Cerdedo como en Carballedo, todas estas celebracións trasladaranse directamente ao pavillón ás 17:00 horas.