A ausencia do acusado obriga a suspender un xuízo por abuso de menores e exhibicionismo
Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra tivo que suspender un xuízo que este xoves prevía sentar no banco dos acusados a un home por un delito de abuso sexual en grao de tentativa, un de abuso sexual, un de lesións e tres de exhibicionismo.
O acusado non compareceu e o tribunal decidiu aprazalo para o día 16 de abril, segundo confirman fontes xudiciais.
Os feitos ocorreron nun lugar público da zona de Arousa en abril do ano 2021 e, por eles, a Fiscalía pide que este home sexa condenado a oito anos, dez meses e 15 días de prisión.
As súas vítimas son tres menores. Dúas delas son vítimas só de exhibicionismo mentres que a terceira o sería do resto de delitos. Para esta moza, a Fiscalía pide que se lle impoña a prohibición de aproximarse a ela, ao seu domicilio e lugar que frecuente a unha distancia non inferior a 100 metros e a de comunicarse con ela por calquera medio, por un tempo de 10 anos.
No caso das outras dous menores, o tempo da orde de afastamento sería de dous anos.
Ademais, a Fiscalía pide que o inhabiliten para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que conleve contacto regular e directo con persoas menores de idade por un tempo de 14 anos. Ademais, pide dez anos de liberdade vixiada.
Á principal vítima deberá indemnizala con 12.114,74 euros polas secuelas e os danos morais causados. Tamén deberá pagar os gastos ao Sergas pola asistencia sanitaria prestada a esta menor.
Eses oito anos e dez meses de prisión son por todos os delitos. Catro deles serían por abuso sexual a menor de 16 anos, un por intento de abuso sexual a menor de 13 anos, 19 meses e 15 días por lesións e 27 meses polos tres delitos de exhibicionismo (9 meses por cada un).