BeOne recibirá 215.000 euros máis polo peche forzoso durante a pandemia
Por Alejandro Espiño
O xulgado do contencioso administrativo número 3 de Pontevedra decretou que BeOne, a concesionaria do centro deportivo municipal de Campolongo, reciba case 216.000 euros máis polos tres meses que se viu obrigada a pechar durante a pandemia, entre marzo e xuño de 2020.
O Concello xa lle pagara uns 155.000 euros tras a reclamación presentada pola compañía, que inicialmente pedía máis de 418.000 euros. Pero o xulgado fixou esa indemnización en 371.000 euros, dos cales quedarían por abonar eses 216.000 euros.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lamentou que "estamos aínda pagando as consecuencias da covid". A pesar de que "nós non lexislamos nin ordenamos nada", apuntou que "somos os que estamos a pagar as consecuencias".
Esta indemnización, que compensa a BeOne polo peche forzoso durante a pandemia, non sairá directamente das arcas municipais, pero si se notará nos ingresos do Concello.
Isto é debido a que o abono desas cantidades iranse descontando do canon anual de 60.000 euros que a empresa paga ao Concello por explotar este complexo deportivo.
É dicir, durante "tres ou catro anos", recoñeceu Fernández Lores, BeOne non terá que pagar ese canon como compensación pola cantidade de diñeiro que debe recibir.