Multitudinaria despedida ao Ravachol con espírito ecoloxista que pon fin ao Entroido de Pontevedra
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Como cada ano, o final da vida do papagaio Ravachol volveu a traducirse tamén no fin do Entroido de Pontevedra, do que é o seu emblema máis coñecido. No serán deste sábado, veciños e visitantes déronlle a despedida que se merece, acompañando os seus restos mortais ata que, xa entrada a noite, acabou reducido a cinzas na grella.
A despedida resultou tan multitudinaria como é habitual, aínda que este 2024 puido verse pola rúa menos persoas disfrazadas esperando ao paso do cortexo fúnebre de viúvos, viúvas e achegados que lamentan a morte do papagaio máis famoso.
O emblema do Entroido pontevedrés chegou este ano á cidade encarnando unha das loitas sociais máis activas dos últimos meses en Galicia, a que se opón á proliferación de parques eólicos. Neste caso, centrouse en rexeitar o proxecto prevsito para o monte Acibal, cun espírito ecoloxista que non é novo para este papagaio.
Despois dunha semana de velorio, como ocorreu cando faleceu o primeiro Ravachol da botica de Don Perfecto Feijoo, despediuno toda a cidade. Na botica recreada na praza da Peregrina volveu revivir aquel último día do Entroido de 1913 no que o seu papagaio faleceu e toda a cidade se envorcou no cortexo fúnebre.
A comitiva percorreu chorando o centro histórico ata que, xa na praza da Ferrería, e ante unha multitude, acabou tombado sobre a habitual grella xigante e pasto das lapas.
Co fin de Ravachol, chega tamén o fin da festa, o humor e a parodia do Entroido, que moitos pontevedreses tentan espremer durante toda a madrugada para dicirlle adeus ata o ano próximo.
Relacionadas:
-
Monte Porreiro pecha, ás portas da Semana Santa, o Entroido pontevedrés
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Parodia PTV gaña a Mostra da Parodia 2024
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A peluquería do Equipo Já gaña as Murgas 2024
Por Natalia Puga |
-
Ravachol súmase á loita contra os eólicos: "Que non nos rouben tamén o vento"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |