Detido de madrugada un okupa de Sanxenxo tras roubar 300 euros nun restaurante
Por Natalia Puga
A rápida actuación da Policía Local e a Garda Civil de Sanxenxo permitiu está madrugada deter en apenas uns minutos ao autor dun roubo con forza cometido no restaurante Salgadoiro.
O home rompeu unha xanela traseira para levar un botín de ao redor de 300 euros e foi detido minutos despois camiño a un domicilio no que vive de okupa.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, trátase dun veciño de Sanxenxo con antecedentes por feitos similares en locais do municipio.
Os axentes puideron identificalo a través das cámaras instaladas no local, situado en Augusto González Besada.
O detido levaba o diñeiro repartido en varios petos, recoñeceu os feitos e foi arrestado. Está previsto que pase a disposición xudicial nas próximas horas.
Segundo a Policía Local, agora investígase se tamén está relacionado con outro roubo na Metro, local situado na Praza de Portugal, a uns metros de O Salgadoiro.