Moldes desvela que o Concello de Poio continúa recibindo facturas de traballos feitos en vésperas das eleccións municipais
Por Oskar Viéitez
O Goberno local deu conta este mércores na sesión plenaria do mes de febreiro da liquidación do orzamento do ano 2023, que ten un remanente de tesourería negativo de 291.320 euros.
Un resultado que, segundo indicou o alcalde, Ángel Moldes, "xa esperabamos, tras atopar as contas do Concello de Poio practicamente esgotadas en xuño, cunha débeda de máis de 8 millóns de euros e facturas pendentes de pagar que superaban os 1,2 millóns e que aínda continúan chegando".
Nesta liña, cuestionou aos grupos municipais do PSOE e o BNG que "agora que temos o remanente negativo que xa anunciamos, xa é o colmo que culpedes a este Goberno da xestión do ano 2023. Xa lle digo que non, porque fostes vós os que deixastes a Poio coa débeda máis grande da provincia, os que esgotastes os orzamentos seis meses antes de acabar o ano e os que deixastes todo sen pagar".
Por iso, asegurou, "sodes os únicos responsables desta situación económica e de que a liquidación sexa negativa, porque no último ano toleastes en termos políticos, gastando sen control en vésperas das eleccións".
Como exemplo, o alcalde dixo que continúan chegando ás oficinas municipais facturas desa época. "Na última semana recibimos facturas por valor de máis de 25.000 euros de sobreanchos e resaltos que se fixeron a uns días das municipais. É o día a día que temos que soportar e xestionar. Esa é a realidade que esta conta ven a demostrar".
MANIFESTO 8M
No inicio da sesión plenaria, a corporación deu lectura á declaración institucional polo 8M. Un texto que foi consensuado entre os tres grupos e que reafirma o compromiso do Concello de Poio coa igualdade en todos os espazos da vida política e social local.
Relacionadas:
-
Críticas do PSOE ao goberno local pola "situación de abandono" de moitos lugares de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo, Poio e Meaño, sedes do Campionato de España Sub-12 e Sub-14 de fútbol sala
Por Redacción |
-
Recepción provincial ao Poio Pescamar: "Sodes exemplo e espello"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Adoptan a Leo, o can que protagonizou o video de Poio para FITUR
Por Redacción |
-
Sancionado en Poio por conducir sen carné, provocar un accidente e fuxir do lugar
Por Redacción |