A Boa Vila cumpre coa celebración das Tres Grazas
Por Oskar Viéitez
O primeiro venres de marzo é unha data na que se celebra en Pontevedra a tradición relixiosa das Tres Grazas Este día centos de pontevedreses acoden diante da imaxe do Nazareno, para solicitar a súa intercesión.
A pandemia propiciou algúns cambios nesta tradición, agora xa non se acode á pequena capela da rúa Tetuán, detrás do Teatro Principal. As limitacións de aforo motivaron no seu momento o traslado da imaxe de Jesús Nazareno á igrexa de San Bartolomé.
As Tres Grazas están relacionadas coas tres caídas que sufriu Cristo durante a subida coa cruz desde o pretorio ao monte do Calvario, e que se evocan no Vía Crucis. A tradición di que durante esta xornada o Cristo concede unha das tres grazas a quen llas solicite.
Voluntarios da parroquia de San Bartolomé encárganse de organizar a fileira de fregueses e que a estanza no interior do templo non se prolongue demasiado para deixar paso ao seguinte grupo.
Forman parte deste "Día grande de Jesús Nazareno" os habituais postos de venda. Todo moi ben organizado, á entrada da igrexa véndense velas, cirios e exvotos, e á saída do recinto relixioso, logo de recoller a estampita, están os postos de rosquillas e churros, sen dúbida un pecado venial.