A Fiscalía pide 12 anos de cárcere para un home por agresión sexual a unha menor coa que convivía
Por Natalia Puga
A Fiscalía de Pontevedra elevou a definitivas as súas conclusións iniciais nun xuízo por agresión sexual celebrado este martes na Audiencia Provincial, no que un home sentou no banco dos acusados por presuntamente agredir sexualmente a unha menor coa que convivía.
Os feitos ocorreron no domicilio no que convivían no verán de 2019 no partido xudicial de Ponteareas e chegaron a xuízo este martes na sección segunda da Audiencia.
Celebrouse a porta pechada para protexer á vítima, que no momento dos feitos tiña menos de 16 anos.
A Fiscalía pide que o acusado sexa condenado a 12 anos de prisión por un delito de agresión sexual sobre menor de 16 anos e tamén pide que a Audiencia o condene á prohibición de aproximarse a menor, ao seu domicilio ou lugar que frecuente a unha distancia non inferior a 500 metros e a de comunicarse con ela por calquera medio, por un tempo de 3 anos.
A petición de condena da Fiscalía tamén inclúe a súa inhabilitación para calquera profesión ou oficio sexa ou non retribuído, que conleve contacto regular e directo con menores de idade por un tempo superior en 2 anos ao da duración da pena de prisión.
Ademais, solicita para el a pena de liberdade vixiada durante 3 anos, a executar unha vez que salga en liberdade. Consistirá esta medida na prohibición de acudir a eventos, espectáculos públicos, privados ou deportivos, recintos ou acontecementos públicos ou deportivos destinados a menores de idade; prohibición de levar a cabo actividades de carácter laboral, participativo, lúdico ou deportivo organizadas, nas que interveñan menores; prohibición de aproximarse aos recintos no que se estean levando a cabo tales espectáculos ou eventos a unha distancia inferior a 500 metros.
A condena que pide a Fiscalía inclúe que o home se someta a un programa de educación sexual e indemnice á súa vítima con 10.000 euros polos danos morais causados.