A Deputación e a Universidade de Vigo estudan novas vías de colaboración
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, mantivo este martes un encontro de traballo co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e as vicerreitoras do Campus de Pontevedra, Eva Lantarón; e de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini.
Na xuntanza analizouse a posibilidade de abrir novas vías de cooperación entre ambos os organismos, ademáis avaliáronse os programas en marcha e estudáronse plans de futuro de interese mutuo.
Dende o gabinete de comunicación da administración provincial destacaron que foi un encontro "marcado polo ton cordial e construtivo".
Luis López amosou a súa vontade para seguir cooperando coa Universidade en eidos como a igualdade, benestar social, fomento do emprego, normalización lingüística ou cultura, entre outros.
"A cooperación leal e comunicación fluída seguirá a rexer a relación entre ambas as institucións, que seguirán mantendo contacto constante co obxectivo de ofertar titulacións e actividades de interese para mellorar a formación dos estudantes da provincia, ao mesmo tempo que fomentan a apertura da Universidade de Vigo cara a cidadanía", expresaron ao final do encontro.