Criticas ao goberno local por non festexar o patrón dos bombeiros
Por Oskar Viéitez
A decisión do Concello de Pontevedra de eliminar os actos de celebración do patrón dos Bombeiros, San Xoán de Deus, que se celebra este 8 de marzo suscitou numerosas críticas.
A primeira en levantar a voz contra esta medida do goberno municipal foi a Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra que lembra que desde hai varios anos esta festividade patronal está marcada polas protestas do persoal do servizo de extinción de incendios que, tal e como lembran os representantes dos funcionarios municipais, "viñan reivindicando, non melloras laborais, senón o respecto, por parte do Concello, aos dereitos laborais que tiñan adquiridos".
A Xunta de Persoal tamén denunciou que o Concello tamén prohibiu aos traballadores do corpo a conmemoración da festividade nas dependencias municipais, unha cuestión que enmarcan dentro do conflito laboral aberto desde hai anos e no que este episodio constitúe "un desplante máis que faise ao persoal municipal en xeral" que se suma á "longa lista de agravios e arbitrariedades que veñen padecendo", afirman.
PP E PSOE
A pesar de que non se convocou ningún acto de celebración ou homenaxe, o portavoz municipal do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a concelleira Pepa Pardo visitaron este venres o parque de bombeiros para felicitar o "labor encomiable" dos seus profesionais e facer un chamamento ao alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores que "debe volver a la senda de la democracia y permitir a los bomberos la celebración de este día de su patrón".
Rafa Domínguez criticou o "poco talante democrático" do goberno local do BNG ao que aconsellou que "deje de castigar a veciños y colectivos sociales o profesionales".
Pola súa banda o portavoz do grupo municipal socialista, Iván Puentes, tamén felicitado aos axentes do servizo municipal de extinción de incendios e censurou a "incomprensible decisión do goberno local" de "prohibirlles desenvolver os tradicionais actos de celebración no seu parque".
"En calquera democracia é unha decisión incomprensible castigar a quen protesta e defende os seus dereitos, máis aínda nun partido que se di de esquerdas", manifestou Puentes.
RESPOSTA DO CONCELLO
A tenente de alcalde do Concello de Pontevedra e concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Eva Villaverde manifestou que "sorpréndeme a actitude e lamento que reaccionasen así", dixo.
Segundo a concelleira nacionalista durante os últimos anos o Concello celebraba esta festividade do patrón do servizo de extinción de incendios cun petisco e un acto de homenaxe, "e nestas últimas ocasións os bombeiros non estaban a participar nin estaban a acudir".
Eva Vilaverde lembrou que o ano pasado houbo unha mención especial aos membros do operativo que participaron nos labores de rescate do accidente dun autobús en Noiteboa na ponte de Pedre "e tampouco acudiron a recollelo". "Entón eu entendín que non estaban de acordo con esa celebración que facía o Concello e, como comprenderedes, o Concello non está para tirar diñeiro público nunca, pero especialmente este ano, onde non temos orzamentos".
"Loxicamente, facer un pincho para despois ter que tiralo ou regalalo non debe ser unha prioridade deste Concello", engadiu.