O Albergue de Cadro, máis preto da súa apertura
Por Diego Espiño
A Xunta de Goberno de Marín aprobou o prego de condicións polas que se rexerá o concurso público de explotación do Albergue Turístico de Cadro.
Desbloquéase así un proceso iniciado o pasado mes de xuño tras a entrega ao Concello das instalacións, construídas pola Mancomunidade Terras de Pontevedra en Santo Tomé de Piñeiro, nun terreo colidante co Parque Multiaventura no lugar de Fixón.
Dende entón o albergue, que consta de tres bungalows con capacidade para 18 persoas e cuxo presuposto construtivo ascendeu a preto de 170.000 euros, encóntrase sen uso ao "non dispoñer o Concello de suficientes medios persoais e materiais para elo", segundo explica o propio goberno local.
O contrato de adxudicación, que contará cunha duración inicial de 4 anos, prorrogable en dúas ocasións, fixa un canon anual de 1.328 euros, IVE incluído.
Tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, os interesados deberán presentar as súas propostas no prazo de 26 días hábiles.
Se se cumpren os prazos, a intención é que a instalación poida abrir antes do verán, segundo recoñece a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, "esa es la idea, y si está en Semana Santa mejor, aunque no creo que dé tiempo".
O Albergue Turístico de Cadro construíuse coa intención de "fomentar a actividade turística en Marín, ademais de promover o turismo natural e as actividades de ocio ao aire libre entre os veciños da zona".
OFERTAS POLO BAR DE PORTOCELO
O prazo de recepción de ofertas para a explotación do bar da praia de Portocelo concluíu o día 14, coa presentación de catro solicitudes que agora deberá valorar a Mesa de Contratación.