Piden medidas urxentes de protección na N-541 ao seu paso por Quintán-Viascón
Por Redacción
Nun escrito remitido ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, solicitou de maneira urxente a colocación de medidas de protección no tramo da estrada nacional N-541 ao seu paso polo lugar de Quintán, na parroquia de Viascón.
Cubela sustenta a súa petición nun informe técnico sobre a perigosidade que representa este tramo de tres carrís, que non dispón de medidas de protección que poidan evitar a saída de vía e caídas dos vehículos nas cunetas profundas en caso de accidente.
Foi o caso dun vehículo que se saíu da estrada hai poucos días e foi parar a unha das cunetas profundas que alí existen. Feito que o rexedor recorda no seu escrito, polo que, insiste, é de urxencia adoptar medidas que resolvan este problema.
O alcalde agarda que o ministerio teña en conta esta petición e actúe coa máxima celeridade para dar unha resposta a un problema de seguridade vial que conta cun informe técnico que advirte da súa perigosidade.