Trinta mil euros para garantir a accesibilidade na casa consistorial de Cuntis
Por Redacción
O goberno municipal de Cuntis impulsou unha serie de melloras no edificio da casa consistorial para garantir a accesibilidade universal en todo o inmoble, tendo especialmente en conta as necesidades das persoas que padecen problemas de mobilidade reducida.
Os traballos centráronse fundamentalmente nas dúas entradas coas que conta o inmoble. Na parte posterior procedeuse a adaptar a rampla, que xa conta con novas varandas e pasamáns.
Ademais, substituíuse a porta por outra máis moderna, de corredoira automática, o que garante o desprazamento libre ata as dependencias.
A intención do Concello é cambiar o emprazamento da oficina de rexistro, pasando a estar nas oficinas da parte posterior do consistorio, para facilitar a realización dos trámites.
Con respecto á entrada principal do edificio, esta actuación permitiu o seu retranqueo cara o exterior, o que permite contar cun espazo máis amplo no vestíbulo. Esta entrada tamén serve para dar acceso ao xulgado de paz do municipio.
Así, a porta pasa a ser máis ancha e espazosa, de xeito que unha persoa que se despraza en cadeira de rodas conte coa marxe suficiente para poder entrar sen problemas nas dependencias para realizar as súas consultas e xestións.
O Concello fixo un investimento que ascende a uns 30.000 euros para a realización destes traballos.
A estas obras súmanse as que xa están a realizar no segundo andar da casa consistorial coa reforma completa dos aseos e, a maiores, coa mellora proxectada dos vestiarios da Policía Local.