Trece empresas optan a construír a primeira nave do complexo de servizos municipais de Sanxenxo
Por Redacción
Un total de trece empresas optan á construción da primeira nave almacén do futuro complexo de servizos municipais que se situará no parque empresarial de Nantes.
O edificio, que terá unha superficie de 3.800 metros cadrados, sae a concurso por 2,6 millóns de euros e un prazo de execución de 12 meses. A construción desta nave permitirá ao Concello de Sanxenxo o aforro de 40.000 euros ao ano polo actual alugueiro do almacén.
As empresas que presentaron ofertas son Construcciones y Obras Taboada Ramos, Prace Servicios y Obras, Extraco, Construcciones Ramírez, Copasa-Oresa, Construcciones Castro Figueiro, Civis Global, Plaintec Obras y Servicios, Oreco Balgón, Ogmios Proyecto, Citanias Obras y Servicios, Seranco e Desarrolla Obras y Servicios.
A parcela municipal na que se levantará a nave ten unha superficie de 8.343 metros cadrados. O almacén incluirá no soto un aparcamento para dezaseis vehículos municipais e tres puntos con cargadores eléctricos. Tamén terá paneis solares.
O obxectivo, segundo destaca o goberno municipal de Sanxenxo, é construír un edificio sostible e ecoeficiente cun aseo, dous vestiarios, unas taquillas e dous accesos. O exterior dispoñerá ademais dun aparcamento e un xardín.
A nave sustentarase mediante piares de formigón prefabricado sobre os que apoiarán cerchas a dúas augas prefabricadas. A cuberta da nave será de estrutura prefabricada como soporte da cobertura de paneis sándwich e o illamento será de panel sándwich.
As fachadas da nave resólvense mediante paneis de formigón armado prefabricados e incorporarán unha coroación trasventilada con paneis metálicos texturizados e paneis con elementos translúcidos de policarbonato celular e illamento intermedio.
O proxecto compleméntase co peche con celosías e parasois en determinados paramentos, a efectos de minimizar a exposición das estancias habitables.