En Pontevedra "estamos todos estremecidos" ante o asasinato machista de Ribeira
Por Natalia Puga
As mostras de dor e repulsa continúan en Pontevedra tras o asasinato machista de Andrea Yrrury en Palmeira, no concello coruñés de Ribeira. Tras a resposta institucional do mércores na Subdelegación do Goberno e a delegación territorial da Xunta, este xoves foi o Concello o que convocou un acto de condena.
Representantes políticos dos tres grupos con representación na Corporación municipal, funcionarios e Forzas e Corpos de Seguridade sumáronse a un minuto de silencio ante a Casa da Luz, na praza da Verdura e, posteriormente, os líderes de BNG, PP e PSOE mostraron a súa condena ao sucedido.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que, como sucede cada vez que hai un asasinato machista, "estamos todos estremecidos" e quixo enviar unha mensaxe de solidariedade de familia da vítima e dicirlle a todas as vítimas da violencia de xénero "que non están soas" e animalas a que "denuncien para que se poidan tomar medidas de protección".
Lembrou que "practicamente hai unanimidade en toda sociedade e en todas as forzas políticas" contra a violencia machista e tamén que "hai que seguir traballando" para educar á sociedade na defensa da igualdade e nos dereitos de toda a poboación, aínda que recoñeceu que é "un proceso lento", ao que hai que dedicar fondos e esforzos.
"Con esforzo de todo o mundo, unanimemente, conseguiremos que vaia parando esta lacra", sinalou o alcalde, que lamentou que se seguen reproducindo casos que "non teñen absolutamente ningunha razón de ser.
O líder do PP, Rafa Domínguez, sumouse ás palabras do alcalde e insistiu en que, na loita contra a violencia de xénero, todos os partidos con representación na Corporación están unidos e a actuación do Concello é "impecable".
O responsable do PSOE, Iván Puentes, lembrou a "importancia de que se denuncie" cada comportamento deste tipo e tamén a "case unidade ao redor desta lacra" entre os partidos políticos, aínda que "aínda quedan cousas por facer".