O 'Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns' rexeita a ampliación do porto deportivo de Aguete
Por Redacción
O colectivo Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns mostrou o seu desacordo coa ampliación do porto deportivo de Aguete que estuda Portos de Galicia ao considerar que podería levar consigo a desaparición da praia marinense.
Dende esta plataforma sinalan que lles parece curioso que "apareza diñeiro para financiar proxectos ou subvencionar actividades que non son urxentes nin necesarias para a poboación". O colectivo veciñal entende que o porto deportivo se encontra nunha paisaxe natural que debe ser considerada como un ben común básico e que, polo tanto, "debe rexeitarse calquera medida que supoña privatización, mercantilización e/ou degradación dese ben común". E a continuación alerta da posible desaparición da praia como consecuencia das obras que se terían que realizar para a ampliación do porto e recorda o sucedido en Praceres con motivo dos recheos do porto de Marín, que foron considerados ilegais polo Tribunal Supremo.
A ampliación do Porto deportivo é unha demanda do Club de Mar de Aguete, que preside Guillermo Gefaell, quen considera que a ampliación melloraría o porto e a praia. Segundo se sinala dende esta entidade, o alongamento do actual espigón, coa combinación de contradiques, resultaría beneficioso para o areal. Apuntan, ademais, que o espigón actual posto en servizo hai 20 anos non pode facer fronte ás grandes ondas de mar de fondo que xeran os temporais que, durante este inverno, xa causaron danos ás embarcacións tanto deportivas como dos pescadores.
Os grupos políticos do BNG e de Anova xa mostraron a súa oposición a esta proposta, mentres que dende o goberno local se agarda a elaboración do proxecto.