Prohibidas as queimas agrícolas e forestais de particulares ata novo aviso
Por Redacción
A Xunta ven de anunciar que a partir deste venres 22 de marzo quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia "ata novo aviso".
Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos.
Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste venres.
A decisión da Consellería do Medio Rudal tomouse "tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume".
A normativa prohibe as queimas "cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control".
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que "extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento".
Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.