Apagamento pola 'Hora do planeta' na Deputación e en Sanxenxo
Por Redacción
Este sábado 23 de marzo, Pontevedra e Sanxenxo sumaranse un ano máis á 'Hora do planeta', unha iniciativa da organización WWF que este ano ten como lema 'Apaga a luz e dálle unha hora ao planeta'.
Neste sentido, entre as 20:30 e as 21:30 horas estarán apagadas na Boa Vila as luces do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra e do Edificio Administrativo, mentres que en Sanxenxo o apagón será na Rúa Madrid, o Porto Deportivo, o Paseo de Silgar, a Avenida de Galicia e Rafaél Picó.
A 'Hora do Planeta' é unha campaña para que entidades, cidadáns e empresas apaguen as luces durante unha hora co fin de concienciar sobre a necesidade do aforro enerxético e a importancia de preservar o medio ambiente. Naceu en Sidney en 2007 e chegou ata 200 países. En España adoitan sumarse a esta iniciativa, todos os anos, máis de trescentas entidades locais e un centenar de empresas.
Máis alá do xesto de apagar as luces durante sesenta minutos, é unha das iniciativas medioambientais de maior alcance do mundo.