Investigan se unha "cea para mulleres" en Cotobade usa fondos contra a violencia machista
Por Redacción
O Ministerio de Igualdade abriu unha investigación para aclarar se a "cea para mulleres" organizada pola federación pola igualdade na provincia de Pontevedra (Femupo) vai a financiarse con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
No caso de que sexa así, advirten desde o Goberno, retiraranse estes fondos de forma inmediata e o ministerio chegará "ata as últimas consecuencias" para frear estas prácticas.
O departamento que dirixe a socialista Ana Redondo condena "todas aquelas accións ou actividades que banalizan as políticas públicas para erradicar a violencia de xénero" e reclaman que se faga un mellor uso das subvencións concedidas no marco deste pacto estatal.
"A perspectiva de xénero é a procura da igualdade para evitar discriminacións ou situacións de marxinación, violencia e inxustiza, o que non encaixa de ningún xeito cunha cea lúdico festiva con DJ e karaoke", sosteñen desde Igualdade.
No cartel desta cea, prevista para o próximo 4 de maio, aparecen os logotipos do Ministerio de Igualdade e dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ademais do da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
Ao fío desta polémica, o Concello de Cerdedo-Cotobade aclarou que a participación municipal neste evento limítase á cesión gratuíta das instalacións do pavillón de Tenorio para poder celebrar esta cea, segundo aseguran nun comunicado.
A pesar diso, o seu alcalde, Jorge Cubela, lamentou que o Goberno "se dedique a perseguir a actividade dunha asociación de mulleres en lugar de preocuparse por implementar auténticas políticas de igualdade e por combater con eficacia e eficiencia a violencia machista”.
"Parécenos increible que sexa precisamente o Ministerio de Igualdade quen demonice un encontro organizado por e para as mulleres co único fin de crear lazos afectivos, emocionais e de fortaleza nun momento no que a sororidade é máis necesaria que nunca".
Pola súa banda, a presidenta de Femupo, Raquel Touriño, negou que a organización desta cea festiva se sufrague con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Achacou a un "erro" que o cartel incluíse os logotipos oficiais e reiterou que cada asistente a este evento pagará o custo da súa participación, polo que considera que o Ministerio de Igualdade "pode investigar todo o que considere oportuno".
Touriño defendeu que esta é unha das "moitísimas actividades" que impulsa o seu colectivo para reunir a mulleres, especialmente na contorna rural, "que están illadas e que ás veces non teñen oportunidade nin capacidade de xuntarse e gozar dun intre xuntas".