Marín entrega o Premio Liberación 2024 a Céltica agradecendo as dúas décadas que leva "sementando arte e cultura na vila"
Por Oskar Viéitez
Este xoves 4 de abril Marín celebra o Día da Liberación, que conmemora a xesta do corsario Gago de Mendoza e a súa liberación da vila dos franceses capitaneando ás Alarmas do Morrazo.
Ata a presente edición, era a Asociación ADEMAR a encargada de impulsar esta festividade, que decidiu ceder ao Consistorio para que agora sexa quen organice e propoña nomes que poidan ser merecedores do Premio Liberación, que trata de premiar e visibilizar o traballo de persoas e colectivos, así como a súa implicación en ter unha vida máis próspera.
Por unanimidade, a Corporación marinense decidiu entregar o Premio Liberación 2024 á Céltica Arte e Cultura, que leva 20 anos traballando por e para a cultura en Marín e formando a centos de rapaces na creación plástica, extendéndoa a calquera independentemente das súas posibilidades, apostando por integrar ao municipio na súa actividade e promovendo eventos culturais unidos a datas conmemorativas do calendario municipal, como recentemente fixeron coa exposición pictórica con motivo do 8 de Marzo ou como fixeron o Día da Poesía, cun recital.
No seu discurso durante a entrega deste premio, a alcaldesa María Ramallo sinalou que "o Día da Liberación de Marín é unha oportunidade para lembrar que somos un pobo valente".
A alcaldesa felicitou especialmente a dúas de esas persoas valentes: Patricia e Richard que "decidiron apostar pola cultura como motor de cambio e dinamización da nosa vila".
"Richard, Patri... Desde o Concello non podemos máis que agradecervos que sembrárades esa semente da que xerminan miles de artistas, como hoxe podemos ver, xa que estades arroupados por parte do voso alumnado. Grazas tamén por ser unha parte activa e indispensable na vida cultural da vila, colaborando sempre de forma altruista en cantas aventuras vos metemos e programando actividades que reforzan a nosa programación cultural. Exposicións, certames poéticos, xornadas de pintura ao aire libre.. poucas cousas non facedes... incluso participar de xurado nos premios do Entroido!", agradeceu María Ramallo.
A alcaldesa tamén agradeceu a Manuel Torres a súa implicación na pervivencia desta festa da Liberación e a xenerosidade da súa cesión ao Concello de Marín. "Noso será o deber e a honra de seguir achegando a xesta de Gago de Mendoza a toda a cidadanía e en especial ás novas xeracións. Así o faremos", rematou.