A Xunta robotiza tarefas administrativas substituíndo aos funcionarios para axilizar a tramitación
Por Oskar Viéitez
A Xunta está a pilotar a aplicación de tecnoloxías de automatización robótica de procesos (RPA) xestión de contas de consignación e depósitos xudiciais. O emprego desta tecnoloxía evitará aos empregados públicos a revisión de ingresos e transferencias vinculados a un mínimo de 165.000 casos anuais, que poderán dedicarse a tarefas de maior valor, reducindo os tempos de tramitación.
As contas de consignación e depósitos xudiciais permiten aos cidadáns realizar ingresos vinculados a un proceso xudicial concreto, así como recibir os importes que determine o órgano xudicial.
Segundo informa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) a aplicación da robótica permitirá obter o detalle dos movementos de ingresos e transferencias recibidas para cada xulgado, cruzar os datos entre o número de conta e expediente xudicial correspondente no sistema de información Minerva e cargar o pdf desde movemento no expediente xudicial correspondente. Este é un dos preto de 20 procedementos nos que se está a pilotar a aplicación da automatización, tanto na administración xeral autonómica como no eido xudicial.
PLATAFORMA DE AUTOMATIZACIÓN INTELIXENTE
A Xunta de Galicia busca estender o uso das tecnoloxías de intelixencia artificial e robótica aos procedementos administrativos de xeito progresivo grazas á plataforma de automatización intelixente que comezou a desenvolver en 2022.
Esta plataforma permite dar resposta áxil ás necesidades de tramitación de grandes volumes de expedientes que inclúen procesos repetitivos; reducir os tempos de tramitación e dar un mellor servizo á cidadanía e incrementar a capacidade de tramitación das unidades administrativas, evitando que as persoas realicen tarefas que poden ser automatizadas.
A principais vantaxes da aplicación destas tecnoloxías é que facilitan a revisión de grandes volumes de datos de maneira automática de xeito que liberan aos empregados públicos de tarefas repetitivas e automáticas, poden dedicarse a tarefas de maior valor.
A Xunta de Galicia foi pioneira no sector público galego na posta en marcha de tecnoloxías de automatización robótica de procesos e técnicas de recoñecemento óptico de caracteres (OCR), que se comezaron a aplicar nalgúns procedementos do eido tributario ou na xestión de axudas do II Plan de Rescate a sectores afectados pola covid-19.
INTELIXENCIA ARTIFICIAL
Ante o avance destas tecnoloxías, así como da intelixencia artificial a Xunta creou unha comisión de expertos que vixiará o seu desenvolvemento. As súas conclusións serán incluídas no futuro proxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia.
Na segunda reunión desta comisión de expertos, celebrada a principios deste mes, buscouse coñecer a opinión dos expertos sobre as posibles alternativas para a xestión e seguimento da implantación desta tecnoloxía na Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Con anterioridade, noutro encontro centráronse en analizar os aspectos éticos e xurídicos que deberán fundamentar a nova lexislación sobre intelixencia artificial, entre os que se atopan a transparencia, claridade, imparcialidade e ausencia de sesgos. Tamén se abordaron os dereitos da cidadanía, así como os mecanismos que debe incluír a lei para garantila.