Cambados estrea o seu ano como Ciudad Española del Vino
Por Oskar Viéitez
O Auditorio da Xuventude acolleu este sábado a gala de presentación dos actos que se van a celebrar en Cambados con motivo de ser nomeada 'Ciudad Española del Vino', por parte da Asociación Española de Cidades do Viño (Acevin).
Nesa gala participou o alumnado da Escola de música e do Conservatorio e presentouse un vídeo promocional no que a vila do albariño exhibe o seu patrimonio e paisaxe cun destacado protagonismo dos seus viños.
Entre os anuncios máis destacados neste evento están a recuperación do Enobús que deixou de funcionar en 2019, a segunda edición da Festa do Albariño en Cuxhaven (Alemaña) e ser a sede do Campionato de España de Cata por Equipos.
Pero tamén está previsto un desfile de moda confeccionada con papel, actividades de turismo mariñeiro e as experiencias gastronómicas, entre outras moitas propostas que virarán ao redor de tres conceptos: "Cambados é mar, é Camiño de Santiago e é cultura, patrimonio e arte".