Comeza a reforma do edificio dos sindicatos en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A empresa Construciones Orega iniciou os traballos de reforma do deteriorado edificio dos sindicatos, na rúa Pasantería, que se prolongarán durante 16 meses.
A Sociedade Mercantil Estatal de Xestión Inmobiliaria de Patrimonio (Segipsa), dependente do Ministerio de Facenda e que xestiona o patrimonio inmobiliario do Estado, adxudicou esta obra por 1.258.298,47 euros. O proxecto executarase por fases.
Esta empresa ourensá terá que acometer un proxecto de mellora da eficiencia enerxética do edificio sindical centrada na cuberta e nas ventás para resolver o grave problema de humidades e filtracións que sofre este inmoble.
Mentres duren as obras UGT, que ocupa o 60% do espazo do edificio, terá que ceder espazos a Comisións Obreiras, CIG e CGT.
Todos os sindicatos coinciden en sinalar esta actuación como necesaria pero insuficiente xa que non afecta o acondicionamento interno do edificio que, entre outros problemas non é accesible e carece de calefacción.
A CIG e Comisións Obreiras avogan por un traslado a outro edificio, unha opción á que é remisa UGT debido a que teme que cun traslado poida perder espazo.