Pontevedra, referencia nacional para o sector da papelería co congreso DSG Forum 2024
Por Redacción
Representantes de marcas líderes no sector, entre elas BIC, Pilot ou Navigator, estarán entre os máis de 1.500 profesionais que participarán esta fin de semana no DSG Forum 2024, o congreso máis importante do Estado dentro do sector da papelería, que acollerá Pontevedra.
"Estamos encantados de poder acoller esta feira por primeira vez e de que escollesen Pontevedra como sede neste 2024", explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre unha cita sectorial que se celebrará entre os días 19 e 20 de abril.
O DSG Forum atraerá un cento de expositores que se situarán no Recinto Feiral, con máis de 160 marcas ensinando e presentando os seus produtos. É unha feira profesional e non estará aberta ao público como tal, segundo indicaron os seus organizadores.
Rafael Rey, presidente do grupo DistriSantiago, explicou que a imposibilidade de facer este evento en Santiago de Compostela tal e como viña facéndose nos últimos anos, abriu a posibilidade de procurar novas localizacións.
Así apareceu Pontevedra, destacou o responsable do congreso, que celebrou contar "cun recinto extraordinario, unha cidade extraordinaria e un alcalde que nos está a tratar de marabilla".
"A xente moi ilusionada por vir. Estamos a recibir mensaxes de todo o mundo e contaremos con fabricantes de Alemaña, Italia ou Lituania", indicou Rey, que afondou nas cifras concretas dunha cita referente no sector: 1.563 participantes xa acreditados, 160 marcas e 10.369 produtos.
O congreso encheu todos os hoteis de Pontevedra e a organización tivo que recorrer a outros establecementos da comarca, como Sanxenxo ou A Toxa, para aloxar os participantes.