As Mareas de Coñecemento volven a Poio, con seminarios sobre pilates, uso do móbil, saúde e benestar
Por Redacción
O proxecto Mareas de Coñecemento volve a Poio o mes de maio, con seminarios sobre pilates sénior, uso do teléfono móbil e saúde e benestar destinados para as persoas maiores de 50 anos.
Todos estes cursos, subvencionados pola Xunta de Galicia, son gratuítos, e as persoas interesadas xa se poden anotar no Pazo Besada ou no teléfono 986 872 401.
O obxectivo do programa é favorecer o coñecemento e nel inclúense tres seminarios que se impartirán en horario de tarde por profesorado da Universidade de Vigo.
O primeiro seminario versará sobre pilates sénior e desenvolverase nunha única sesión o luns, 6 de maio, desde as 16.30 horas na Casa Rosada.
Durante tres horas, os profesores da Facultade de Fisioterapia, Iris Machado e Gustavo Rodríguez, explicarán os beneficios que reporta esta actividade e impartirán unha sesión práctica.
O curso de uso do móbil como ferramenta tecnolóxica impartirase os días 7 e 9 de maio, da man das profesoras da Facultade de Enxeñería Industrial de Vigo Amparo Rodríguez e María Rodríguez.
Na primeira xornada, falarase do teléfono móbil, da súa configuración básica e do uso de whatsapp para enviar mensaxes e facer videochamadas, así como doutras aplicacións para ler códigos QR e de banca electrónica ou de pago.
O segundo día, centrarase noutras aplicacións útiles, como o calendario de vacinación e medicacións, petición de citas médicas ou localización de persoas, entre outras.
Nos dous casos, as sesións desenvolveranse de 16.30 a 18.30 horas.
Por último, o terceiro seminario, Saúde e Benestar, desenvolverase os días 13 e 14 de maio, e como nos outros dous casos, tamén será na Casa Rosada.
A primeira sesión será divulgativa, na que se explicará como a comida e o exercicio poden mellorar a saúde e a calidade de vida, e na segunda, realizarán unha ruta cardiosaudable entre as 16.00 e as 19.30 horas.
Este seminario estará impartido polos profesores José Luis García Soidán, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e de Antonio Vázquez, do programa universitario de maiores.