Cochón acusa o PSOE de Poio de mentir e argumenta que o goberno local respondeu aos requerimentos do IDAE
Por Redacción
Rocío Cochón, concelleira de Urbanismo en Poio, saíu ao paso das críticas do socialista Gregorio Agís, antecesor no seu cargo, quen alertaba de que o Concello podía perder 72.500 euros de fondos europeos atendendo a un informe do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).
A actual responsable da área de Urbanismo lamenta a "desvergoña e as mentiras do PSOE de Poio e do seu portavoz, Gregorio Agís".
Segundo sinala, os técnicos municipais responderon a todos os requirimentos solicitados polo IDAE para a axuda concedida para o ximnasio municipal.
Argumenta que "en todo caso, a subvención non se perdería por non contestar ningún requirimento, porque se contestaron todos, o problema está nun certificado enerxético porque o que cuestionan é que este proxecto permitise mellorar a eficiencia da instalación. Algo que non afecta á xestión deste goberno, senón ao proxecto redactado e executado no anterior mandato", apunta Cochón acusando o goberno tripartito.
Lembra tamén que "estamos a falar dun proxecto que se inicia en 2017, e o único que está a facer o novo goberno é seguir solucionando problemas herdados". Engade que os últimos requirimentos respondidos ao IDAE datan do 10 de novembro e do 19 de marzo.
"Resulta curiosa que foi o PSOE quen solicitou a subvención, foi o PSOE quen a executou e, se agora se perden os fondos, a culpa sexa dun goberno que nada ten que ver", responde Rocío Cochón.
Ademais, en relación aos fondos europeos, Cochón expón que "a día de hoxe o Concello aínda non ingresou un só euro, unha situación que está tensionando moitísimo ás arcas municipais".
Aclara que non se perdeu ningunha subvención do plan Ágora da Deputación de Pontevedra senón que foron descartados porque os proxectos redactados no mandato do tripartito estaban incompletos e non se axustaban á realidade do que se necesitaba en Viñas, San Salvador, no Camiño Pedreison e Tarrío de Samieira, e na Travesía da Fonte.
Ademais lanza unha dura acusación contra o portavoz socialista: "resulta curioso que non faga referencia ao millón de euros que el fixo perder a Poio, para melloras en Viñas, As Laxes, Tarrío e Arén. Unha subvención que xa se asegurou de rexeitar nas últimas semanas como deputado no Goberno da Deputación e tras perder as eleccións municipais en Poio", conclúe Cochón.
Relacionadas:
-
O PSOE Poio asegura que o Concello pode perder 72.500 euros de fondos europeos
Por Redacción |
-
O PP aproba o orzamento de 14,7 millóns de euros para o 2024 en Poio
Por Redacción |
-
O PSOE ve "decepcionante" o orzamento de Poio para 2024: "reflicte á perfección as mentiras de Ángel Moldes"
Por Redacción |