O futuro da xestión municipal dos residuos pasa por Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Alcaldes e técnicos de toda España daranse cita en Pontevedra a próxima semana para abordar o futuro da xestión municipal dos residuos. A cita será o próximo mércores, 26 de febreiro, na sede da Deputación.
Así anunciouno este venres o presidente da Administración provincial, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno e na que informou da organización desta xornada de traballo que, baixo o título "Presente e futuro da xestión dos residuos municipais ante o novo marco normativo", organizan a Deputación e a Federación española de Municipios e Provincias (FEMP) en colaboración co Ministerio de Medio Ambiente, ECOEMBES e a Asociación Nacional de Empresas de Medio Ambiente.
Rafael Louzán subliñou que trata dunha materia "moi sensible" e que inflúe na economía de empresas, familias e concellos, polo que a Administración provincial pretende que esta xornada permita valorar en que situación nos encontramos e perfilar o camiño polo que se debe avanzar para conseguir unha xestión máis sostible tanto dende o punto de vista ambiental como financeiro.
Está prevista a presenza dunhas 300 persoas, participarán especialistas en xestión de residuos procedentes de diferentes puntos de España.
Abordarán, entre outros temas, o actual marco legal e o camiño para conseguir os obxectivos 2020; os diferentes modelos supramunicipais para a prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos; os instrumentos financeiros necesarios para unha prestación eficiente do servizo; as posibilidades da colaboración público-privada; ou os impactos na Administración local dun sistema de depósito, devolución e retorno de envases de bebidas; así como o plan provincial de recollida de residuos que a Deputación de Pontevedra ten en tramitación.