A Deputación aproba 3,6 millóns de euros para financiar os servizos sociais comunitarios e as axudas de emerxencia
Por Oskar Viéitez
Os concellos de menos de 20.000 habitantes recibirán ata 535.000 euros para facer fronte a políticas sociais. Os recursos enmárcanse no Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e nas axudas básicas de emerxencia para 2024, que aprobou este venres a Deputación de Pontevedra e que contan cun orzamento global de 3,6 millóns de euros.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López compareceu este venres en rolda de prensa para dar conta deste asunto, aprobado na Xunta de Goberno Provincial celebrada esta mañá.
Segundo explicou López, no relativo aos servizos sociais comunitarios, a Deputación pon ao dispor dos concellos 3 millóns de euros, o que supón 600.000 euros máis que o pasado ano. Cada un dos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes recibe unha contía que vai desde os 12.000 ata os 110.000 euros.
Destes recursos, 1,2 millóns de euros estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, e algo máis de 1 millón de euros a cubrir os custos do persoal dos servizos comunitarios.
En canto ás axudas básicas de emerxencia, a través desta liña de axudas, a institución provincial pon ao dispor dos servizos sociais comunitarios dos concellos recursos públicos de maneira áxil e eficaz para que poidan atender as demandas de urxente e puntual necesidade das e dos cidadáns que se atopan en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas persoas con menores ao seu cargo, ademais de dar resposta a situacións de grave emerxencia.
Son 600.000 euros para as axudas básicas de emerxencia, un total de 413.000 euros son para axudas de gastos correntes e 187.000 euros para investimentos, e establécese unha contía máxima para cada concello que vai desde os 7.000 aos 14.000 euros.
+PROVINCIA
A Deputación tamén aprobou destinar preto de dous millóns de euros dentro do Plan +Provincia, distribuídos en 1,43 millóns para que As Neves, Cambados, Marín, Moaña, Mondariz, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilanova de Arousa impulsen novos investimentos. Outros 340.000 euros para gasto corrente na Guarda, A Lama e Cangas e 120.000 para contratar a 11 persoas desempregadas en Cuntis.
"O TEU ESPAZO XUVENIL"
Entre os asuntos destacados da Xunta de Goberno tamén se aprobou este venres o programa "O teu espazo xuvenil" que consiste nunha liña de axudas de 100.000 euros para concellos de menos de 20.000 habitantes para financiar a adquisición dos equipos necesarios para o funcionamento do local como mobiliario, material de oficina, equipos informáticos, acústicos ou audiovisuais, así como outros materiais que mellore as dotacións destes espazos destinados á mocidade.
Os concellos beneficiarios deberán asumir o 20 % do investimento e poderán recibir unha subvención dun máximo de 1.500 euros, mentres que os municipios máis afectados polo reto demográfico, aqueles de menos de 5.000 habitantes ou cun maior índice de dispersión de poboación, poderán recibir ata 2.100 euros.
Relacionadas:
-
O pleno provincial reproba a Pedro Sánchez nunha sesión na que estrea o uso da intelixencia artificial
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
A Deputación incorpora preto de 3 millóns de euros ao Consorcio Provincial Contra Incendios
Por Redacción |
-
Cambados rexeita empregar fondos do +Provincia da Deputación para adquirir o Pazo de Montesacro
Por Oskar Viéitez |
-
O programa de Colonias Felinas do CAAN comeza coas esterilizacións de gatos
Por Oskar Viéitez |
-
Salcedo denuncia o "abandono e a inseguridade" da EP-0012 e solicita a "actuación inmediata" da Deputación
Por Oskar Viéitez |