Volve a Festa da Primavera para "poñer en valor" todo o barrio da Parda
Por Redacción
Cine, música, obradoiros ou actividades infantís. É o que ofrecerá a Festa da Primavera do barrio da Parda, que celebrará o seu día grande o próximo sábado 4 de maio.
A programación desta festa desenvolverase entre o Centro Leste, Pintor Laxeiro e o Parque dos Soutos, segundo explicaron este luns os seus organizadores, a asociación de comerciantes e pequenos empresarios da Parda.
A festa está en marcha desde o 20 de abril e permite "poñer en valor a vida de barrio", destacou a edil de Promoción económica, Anabel Gulías, ofrecendo actividades de lecer e socialización á veciñanza e fomentando o consumo de proximidade no barrio.
Todas as actividades programadas teñen unha entrada singular, un recibo do comercio local.
O presidente da asociación, Manuel López, lembrou que o fin desta Festa da Primavera tenta darlle visibilidade aos comerciantes da Parda, ofrecendo propostas para todos os públicos.
O programa, máis polo miúdo, contempla a proxección da película Mavka. Guardiana del bosque no Centro Leste, o vindeiro 3 de maio, ás 20.00 horas.
Tamén haberá obradoiros e charlas dos negocios do barrio o sábado 4 de maio, entre as 10:00 e as 14:00 horas, no Centro Leste; ao tempo que entre as 12:00 e as 14:00 horas haberá xogos tradicionais familiares en Pintor Laxeiro.
Ademais, ao longo de toda tarde, haberá diversas atraccións infantís en Pintor Laxeiro como Photocall 360, obradoiros de graffiti e o porco mecánico. No Parque dos Soutos, pola súa banda, haberá inchables e celebrarase unha 'escape room'.