O Concello de Pontevedra concederá axudas para a adquisición de taxis adaptados
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra ten previsto conceder axudas para a adquisición de taxis adaptados para persoas con mobilidade reducida, coñecidos como "eurotaxis".
A normativa europea esixe que polo menos o 5 % do parque de taxis das cidades sexan adaptados a persoas con necesidades especiais. Pontevedra cumpre ese requisito pero a frota de taxis atópase anticuada.
No ano 2017 o Concello de Pontevedra impulsou unha primeira liña de axudas para potenciar os eurotaxis nunha cidade cun modelo urbano que pretende ser accesible a todas as persoas. Trátase de vehículos máis caros porque son máis grandes e requiren de adaptacións, tamén os seguros son máis elevados e a inspección técnica de vehículos (ITV) máis complexa que a dun turismo normal ao incluír a supervisión doutros elementos.
Con aquel proxecto, que incluía unha liña de subvencións, a cidade pasou dun a seis eurotaxis dunha frota de ao redor de 90 vehículos, que é o número de licenzas de taxi que ten Pontevedra. A día de hoxe, algún destes eurotaxis xa non está en funcionamento e o resto vai demandando unha renovación.
De modo que o Concello de Pontevedra reeditará aquelas axudas atendendo a unha petición feita pola Asociación de Taxistas.
Segundo explicou o concelleiro César Mosquera, o goberno local incluirá na próxima modiciación de crédito unha partida de 60.000 euros para conceder subvencións de ata 10.000 euros por vehículo para que a cidade poida dispoñer dunha frota de taxis adaptados.