O parque de calistenia que estará ao carón da Ponte dos Tirantes toma forma
Por Alejandro Espiño
Os primeiros elementos do futuro parque de actividade física ao aire libre ou calistenia que estará nos antigos terreos de Tafisa, xunto á Ponte dos Tirantes, xa están instalados.
Os traballos para habilitar esta área lúdica, que conta cun investimento de case 98.000 euros, comezaron nos últimos días, segundo confirmou a edil de Deportes, Anabel Gulías.
É un equipamento deportivo situado ao aire libre e adxudicado á empresa Kompan no ano 2021, que logo de varios problemas administrativos e coa súa localización, xa que inicialmente ía a estar na Illa das Esculturas, ocupará parte do inicio do paseo fluvial do Lérez.
Esta nova infraestrutura deportiva está instalada nunha área de terra compactada estabilizada cunha capa de cemento e ten unhas dimensións aproximadas de 300 metros cadrados.
O parque contará, entre outros elementos, con pesas magnéticas, equipos de suspensión, bancos de abdominais, barras horizontais, espaldeiras, unha estrutura 'bootcamp' con oito postes ou unha barra tripla, deseñada para adestrar pectorais, brazos ou pernas.
Ademais, terá equipos individuais de 'step', bicicletas fixas para pernas e brazos, barras paralelas ou un 'dip bench', un conxunto de barras a niveis distintos.
O conxunto tamén disporá un cartel informativo cos exercicios posibles a realizar na zona de adestramento e estará deseñado para unha práctica deportiva inclusiva, posibilitando o uso de persoas con mobilidade reducida e de personas de todos os rangos de idade.