Solicitude do PP para que se rehabilite a área recreativa da Rúa da Gándara
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/9bc/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/663a1c3de0-001.jpg)
© Partido Popular de Pontevedra
Silvia Junco e Martín Martínez, concelleiros do Partido Popular de Pontevedra, achegáronse nas últimas horas pola nova zona verde da Xunqueira de Alba.
Durante a súa visita comprobaron que a estrada municipal está esnaquizada, con fochancas de gran tamaño e o pavimento levantado, as mesas e os bancos da área recreativa atópanse cubertos por maleza e unha das casetas de madeira, situada na Xunqueira de Alba leva sete meses calcinada, segundo indican.
Os representantes do PP reclaman ao Concello que interveña e que rehabilite de maneira "integral" a Rúa da Gándara, no tramo de estrada que une a pasarela de madeira do Espazo Natural de Intéres Local (ENIL) coa área recreativa da fonte do Parigón, unha fonte que tamén é coñecida popularmente como Fonte das Nuncias.
Silvia Junco demanda que se "dea continuidade" ao proxecto das marismas e da Rúa da Santiña. A intención dos populares é que mellore unha das zonas de paso "máis transitadas polos peregrinos que saen de Pontevedra cara a Santiago de Compostela polo Camiño Portugués".
Tamén expoñen que a limpeza, o mantemento e a iluminación son esenciais nas estradas municipais, principalmente en zonas que son utilizadas por "miles de peregrinos" a diario.