Agora que a 'Catedral do Salnés' está aberta a visitas piden que se recupere a oficina de turismo
Por Oskar Viéitez
Dende hai unha semana a igrexa do mosteiro da Armenteira volve estar aberta a visitas.
A coñecida como 'Catedral do Salnés' volve estar aberta tras meses de peche e agora o grupo provincial do PSdeG-PSOE pide á Deputación que "cumpra coa súa palabra" e reabra tamén a oficina de turismo.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, indicou que a oficina de turismo que a entidade provincial pechou no mosteiro da Armenteira e que non reabriría ata que puidese facelo tamén a igrexa, xa que tras o peche do templo rexistrouse unha importante caída no número de visitantes.
A deputada socialista Ana Laura Iglesias lembrou que a Oficina do Mosteiro é unha das tres instalacións "icónicas" que xestiona directamente a Deputación, que ostenta as Q de calidade que a converten nunha referencia en atención aos visitantes, cumprimento dos estándares e procedementos.
ESTRADAS ESTATAIS
Por outra banda, o grupo provincial do PSdeG-PSOE insta ao presidente da Deputación Luís López a "que esqueza o seu partidismo cutre cando fale das estradas estatais e das obras que o Ministerio ven de rematar na N-541" na ponte de Pedre.
O grupo socialista cualifica "un considerable cinismo" que López fale de seguridade viaria "cando reduciu o orzamento provincial de 4 millóns de euros a só 400.000 para a mellora das estradas provinciais nos concellos" e insta ao presidente da Deputación a "deixar de ser o cronista da Xunta".
O PSOE sinalou que o Goberno central ten 4 millóns planificados para asfaltar a N-541 nun tramo de 17 qm nesta estrada N-541 e tamén van comezar nos próximos meses obras de mellora do asfaltado na A-52 e A-55 ademáis da posta en marcha do reforzo do mantemento de toda a rede cun contrato "que xa está a tramitar o Ministerio de Transportes".