Caldas aumenta dos seis aos oito millóns de euros o seu orzamento municipal de 2024
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Orzamento do Concello de Caldas de Reis para 2024 subirá un 33% con respecto ao ano pasado, pasando dos seis aos oito millóns de euros. Así o anunciou o equipo de goberno de coalición que, da man do alcalde Juan Manuel Rey (PSOE) e o tenente de alcalde Manuel Fariña (BNG), subliñaron que se trata dunhas contas "históricas" e "con marcado compoñente social", xa que os departamentos que maior subida experimentan son os de Deportes, Cultura e Servizos Sociais.
Os dous mandatarios indicaron que as características máis destacadas do proxecto de orzamentos "é que é á vez ambicioso e realista, cun marcado carácter social e garantista dos servizos públicos", ao tempo que subliñaron que "hai un reto ilusionante por diante que é atender cada vez mellor as necesidades das veciñas e veciños de Caldas, prestar servizos públicos de calidade, e cumprir os compromisos cos que concorremos ás pasadas eleccións municipais integrados no pacto dun goberno de coalición".
Explicaron que o aumento dos ingresos para o Concello débese á subida na participación en Tributos do Estado e doutras administracións, e aos impostos municipais, que, xunto coas taxas e prezos públicos, non sufriron ningunha modificación á alza a diferencia das importantes subas que teñen aplicado outros municipios da provincia.
A maior parte dos fondos municipais, como é habitual, irán para o capítulo de gastos correntes e de persoal, sen embargo en canto aos principais aumentos, destaca unha boa subida destinada aos Servizos Sociais. En concreto, haberá un incremento da partida para garantir o Servizo de Atención ao Fogar e prestalo con calidade a toda a veciñanza. Apunta Rey que ata o de agora os prezos pagados polo Concello estaban desfasados e será necesario licitar a adxudicación dun novo contrato. O rexedor destaca que o concello quere garantir todas as horas necesarias ás persoas usuarias da dependencias ante a alta demanda dos servizos. Subliñou, por outra parte o importante investimento que se realizará en saneamento do rural para garantir a calidade de vida de toda a veciñanza.
Pola súa banda, o tenente de alcalde de Deportes, Cultura e Turismo, Manuel Fariña salientou que eses departamentos chegarán ata o 1,6 millóns de euros (preto dun 20% máis), nos que se incluirán, entre outros, melloras no campo de fútbol das Corticeiras ou a instalación dunha pista multideporte e elementos biosaudables na zona da Tafona.
Con respecto ao Deporte, Fariña quixo destacar tamén o orzamento reflicte a firme aposta do equipo de goberno polo fomento e promoción, cun incremento considerable para actividades que atraen xente á vila. "O turismo deportivo é unha modalidade de turismo que confirma o seu ascenso imparable. O deporte converteuse é un dos mellores aliados do turismo e da dinamización económica", engadiu, para subliñar que "o mesmo sucede co turismo e a cultura" cuxas partidas tamén experimentan un aumento considerable con respecto ao exercicio anterior.
Relacionadas:
-
Marín, Bueu e Caldas de Reis programan actividades polas Letras Galegas
Por Oskar Viéitez |
-
Os pazos de Fefiñáns e Casalnovo e a Estación Fitopatolóxica Areeiro incorpóranse á Ruta da Camelia
Por Redacción |
-
A Deputación ten previstos investimentos por un millón de euros en Caldas de Reis para este ano
Por Oskar Viéitez |
-
O subdelegado do Goberno e o alcalde analizan a necesidade de reforzar o mantemento da N-640 en Cuntis
Por Redacción |
-
Caldas aumenta as achegas ás comisións de festas para pagar orquestras e actuacións musicais
Por Redacción |