Intensa fin de semana en Ponte Caldelas coa 56 edición da Festa da Troita
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Ponte Caldelas prepárase para unha intensa fin de semana coa celebración da 56 edición da Festa da Troita. Un ano máis, Praza de España e Alameda contan cunha especial iluminación que se acendeu con motivo do festexo e que se manterá durante todo o verán, ata o mes de setembro.
As actividades comezarán o sábado a partir das 8:30 horas, cando se inicia o Concurso Internacional de pesca deportiva na súa categoría Sénior e Veteranos. O concurso está organizado pola Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas.
Pola tarde, a partir das 17.30 horas comezan as exhibicións de baile de grupos locais, nas que participarán o grupo de baile rexional Escola de Bailes Tradicionais Trouleada de Ponte Caldelas, o grupo de baile infantil da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade e o grupo de bailes de salón Ponte Caldelas Baila.
Continuarán os festexos as 19:00 horas co Certame de Corais na Igrexa do Sagrado Corazón, no que participarán a Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas, o Coro Vales Mahía de Silleda e a Coral Voces Amigas de Moraña; ás 20.00 horas arrinca o Festival Troita Folk, que contará coas actuacións do grupo de baile da Banda de Gaitas Os Coribantes de Ponte Caldelas e o grupo de baile A.C. Xiada da Pobra do Caramiñal, e a partir das 23:00 horas será o turno da verbena coa orquestra La Oca Band e Tic Tac.
Xa o domingo, o concurso de pesca dará comezo ás 9.00 horas na categoría feminina, xuvenís e infantís, mentres que ás 12.00 horas comeza o pasarrúas coa Banda de Música Artística de Arcade como antesala da entrega de trofeos do Campionato de Pesca. O acto rematará co concerto da citada banda ás 13.30 horas.
Na xornada de tarde celebrarase, a partir das 19:00 horas, a segunda xornada do Troita Folk adicada aos Cantos de Taberna cos grupos Cantanascroas de Salcedo e Madialeva de Meis.
Durante o sábado e domingo as persoas asistentes poderán desfrutar da degustación de troitas fritidas e en escabeche a precios populares. O stand abrirá o sábado a partir das 19.00 horas e o domingo farao en horario de 12.00 a 14.30 e de 19.00 a 21.00 horas.
Paralelamente á Festa da Troita, a Casa da Cultura de Ponte Caldelas acollerá ata o venres 31 de maio a exposición de artesanía de Olga Durán e Isabel Perea formada por pezas de bisutería, cadros, macramé...