Cuntis recibe case 43.000 euros para mellorar a accesibilidade no pavillón municipal
Por Oskar Viéitez
O Concello de Cuntis recibirá un total de 42.983,06 euros para mellorar a accesibilidade tanto exterior como interior do pavillón municipal.
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar esta axuda ao Concello de Cuntis, incluida no Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
As actuacións afectan tanto ao acceso do inmoble como ao uso das instalacións. En canto ao acceso repararase a rampla actual, que pasará da pendente do 13,3% ao 4% necesario para ser considerada accesible. Ademais, aumentarase o seu ancho pasando de 150 a 210 centímetros e dotarase cun zócalo para impedir que os usuarios con cadeira de rodas poidan caer polo borde da rampla.
Tamén se reformarán as portas interiores que dan acceso ao distribuidor dos vestiarios e mais a estes, xa que non contan co ancho suficiente para permitir o acceso autónomo das persoas que usan cadeiras de rodas. Retiraranse as actuais, ampliarase o ancho do oco e instalaranse novas portas de aluminio, máis hixiénicas e resistentes á auga, tendo en conta o seu emprazamento.
Ademais, dentro dos vestiarios crearase unha zona con ducha accesible, inexistente ata o momento.