Un tren con 260 prazas irá de Pontevedra a Madrid para participar nas Marchas da Dignidade do 22-M
Por Natalia Puga
Un tren con capacidade para 260 pasaxeiros partirá o próximo 22 de marzo de Pontevedra con destino a Madrid para facilitar que os pontevedreses poidan participar nas Marchas da Dignidade organizadas na capital de España ás 17.00 horas "para dicir basta xa ás políticas do Goberno e da troika".
Este desprazamento, organizado pola Plataforma Galega de Apoio ás Marchas da Dignidade, terá para os usuarios un prezo de 45 euros e permitirá saír ás 6.30 horas da estación de Pontevedra, chegar a Madrid sobre as 14.00 horas e participar na marcha pola tarde, á que hai xa confirmada a asistencia de 300 colectivos de toda España, uns 40 de Galicia e unha decena de Pontevedra.
Outro tren con igual capacidade foi organizado para saír á mesma hora e día dende A Coruña e os organizadores teñen constancia de que hai persoas que contrataron tamén autobuses para realizar o percorrido, segundo desvelou este xoves nunha comparecencia pública o voceiro do sindicato CGT en Pontevedra, Miguel Cuña.
Aquelas persoas que queiran viaxar no Tren da Dignidade poderán adquirir os bonos no local da CGT no edificio dos sindicatos da rúa Pasantería, de luns a venres entre as 19.00 e 21.00 horas ou chamando aos teléfonos 628 685 445 e 606 595 310.
Este venres 7 de marzo organizouse unha asemblea na galería Sargadelos de Pontevedra (ás 19.30 horas) para informar a todos os grupos que confirmaron xa o seu apoio e, a maiores, estará aberta a toda a cidadanía de Pontevedra e o seu ámbito co fin de presentar ao iniciativa Marchas da Dignidade. Intervirán Manuel Pérez, do Sindicato Ferroviario-Intersindical; Miguel Cuña, de CGT; Francisco Currás, de CUT; e Xosé Luis Pallín, do Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns de Marín.
Os representantes en Pontevedra da Plataforma Galega de Apoio ás Marchas da Dignidade explicaron que "o vindeiro 22 de marzo van confluír en Madrid columnas de mulleres e homes de todos os territorios do estado para dicir basta xa". A iniciativa "está a aglutinar a maioría do movemento sindical alternativo, ás organizacións políticas anticapitalistas e os movementos sociais ao longo e ancho de todo ouestado".
Ademais, o próximo venres 14 de marzo convocaron unha concentración ás 19.00 horas en praza da Peregrina "para amosar o noso rexeitamento ás medidas económicas, sociais e laborais impostas polo Goberno e a troika" e, ao mesmo tempo, apoiar e visibilizar en Pontevedra as Marchas da Dignidade.