Aproban a suba de taxas municipais en Pontevedra, porque "non queda outro remedio"
Por Alejandro Espiño
Unha subida "non moi cuantiosa" e obrigada pola lei de estabilidade orzamentaria. Así xustifica o goberno municipal de Pontevedra a actualización dalgunhas das taxas municipais. Trátase dun aumento que suporá seis euros máis ao ano para cada pontevedrés e que reportará ás arcas do Concello de Pontevedra uns 347.000 euros, "menos do que nos costa a suba do IVE nas concesións municipais".
Segundo o edil de Facenda, Raimundo González, "non é do noso agrado subir as taxas neste momento, aínda que sexa pouca contía", pero reiterou que coa lexislación aprobada polo Goberno central "non queda outro remedio". En todo caso, explicou que a presión fiscal en Pontevedra caeu un 10% nos últimos anos, dado que "desde o inicio da crise os impostos están conxelados, salvo modificacións puntuais do IPC".
Neste sentido, Raimundo González e o concelleiro socialista, Agustín Fernández, coincidiron en sinalar que "afecta moito máis aos cidadáns", as actuacións doutras administracións, entre as que apuntaron a subida do IVE, a lei de taxas xudiciais, ou o feito de que a Xunta apenas cobre a ENCE uns 700.000 euros polo canon do auga, "cando deberían estar pagando uns 6 millóns de euros".
Pero aínda así, o Partido Popular reiterou a súa oposición a esta suba das taxas municipais. Di o seu voceiro, Jacobo Moreira, que este aumento é unha mostra máis da "chapuceira xestión" do goberno municipal. Asegura que ningunha lexislación obriga ao Concello a aumentar estes conceptos "e non vexo ningún francotirador que obrigue a facelo" e acusou a BNG e PSOE de ir contra "os que peor o están pasando coa crise".
Moreira destacou que se Pontevedra "fose un concello ben saneado como presume ou goberno", non tería que tomar esta decisión. Neste sentido, en lugar de actualizar estas taxas, o PP propuxo aumentar o imposto de actividades económicas a ENCE e Elnosa, "reducindo os impostos ao resto de cidadáns", revisar o IBI rústico ou aumentar as bonificacións ás familias numerosas.