As actividades de prevención rebaixan o número de intervencións dos Bombeiros de Pontevedra
Por Redacción
Os bombeiros de Pontevedra realizaron 330 intervencións durante 2013, das que 20 corresponden a servizos preventivos e 26 están relacionadas con visitas ao Parque Municipal, segundo se recolle na memoria dos bombeiros presentada polo Xefe do Servizo, Manuel Torres, e a concelleira Carme da Silva.
Manuel Torres indicou que "Pontevedra é unha cidade segura", baseándose nos datos de intervencións realizadas e destacou a importancia das actividades preventivas en eventos como o lanzamento de lumes artificiais, cacharelas de San Xoán ou en diferentes espectáculos.
O maior número de intervencións deriváronse dos 97 incendios urbanos rexistrados durante 2013, seguido polas 50 accións de retirada de elementos como cascotes de fachadas, tendidos eléctricos ou pancartas como consecuencia, normalmente, do mal tempo. Torres destacou o descenso de excarceracións que se situaron en 30 fronte ás 56 de 2008.
Actualmente, o equipo do Parque de Pontevedra está conformado por 38 funcionarios, 24 deles menores de 40 anos. O Xefe do Servizo sinalou que ten solicitado 5 prazas máis á concellería. En relación co material, a concelleira Carme da Silva e Manuel Torres destacaron que se incorporarán tres novos vehículos a finais deste ano: un furgón mixto de seis prazas, un vehículo de rescate náutico e unha autobomba.
Durante o pasado ano, os bombeiros de Pontevedra tiveron que asistir en 12 ocasións a outros municipios. Segundo explicou, Manuel Torres estas intervencións prodúcense cando existe un risco vital e puxo de exemplo o recente incendio na Caeira. Engadiu que "a lei de comarcalización dos parques de bombeiros pode chegar a resultar absurda" en relación coa escasa economía de recursos que se recolle nela.