Seguimento desigual entre os funcionarios: 60% no Concello, 25% na Xunta e 7% na Deputación
Por Redacción
O seguimento da folga xeral do 14-N resultou moi desigual entre o funcionariado. Os traballadores públicos que máis secundaron a convocatoria de paro foron os adscritos ao Concello de Pontevedra, mentres que apenas se uniron os que traballan na Deputacón Provincial.
O Concello de Pontevedra cifra nun 60% o seguimento entre os funcionarios municipais, de tal maneira que so acudiron a a traballar catro de cada dez traballadores públicos entre os servizos mínimos e os que non secundaron o paro, segundo os datos da Concellería de Persoal.
Os datos facilitados pola Deputación Provincial de Pontevedra son bastante menos positivos para os convocantes. As cifras oficiais falan de que só secundaron a folga o 6,7% dos empregados ou, o que é o mesmo, a porcentaxe de asistencia ao traballo foi do 93,3%.
Do total de 955 traballadores da institución provincial, 121 acudiron a traballar dentro dos servizos mínimos fixados pola Administración, 64 secundaron a folga e 891 acudiron ao seu posto de traballo con normalidade.
No caso da Xunta de Galicia, non se teñen aportado datos concretos relativos a Pontevedra e a súa área de influencia, pero en toda Galicia cífrase nun 25% o seguimento da folga na Administración xeral e os organismos dependentes.
Os datos galegos falan de que o seguimento nos centros docentes é do 18%, no ámbito sanitario do 20% e do 27% no ámbito xudicial. Segundo a Administración autonómica, os servizos mínimos estanse a cumprir na súa totalidade e a Xunta non ten constancia de incidencias de relevancia.