Deteñen 'in fraganti' un ladrón de coches con medio corpo dentro dun Mercedes
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detivo na noite deste luns un veciño do municipio como presunto autor dun roubo con forza tras sorprendelo in fraganti accedendo a un turismo Mercedes ao que supostamente antes fracturara a xanela.
Os feitos aconteceron sobre as 22.40 horas do día 17 de marzo. Un vehículo policial patrullaba pola zona da avenida de Compostela cando viu un individuo en actitude sospeitosa na rúa Leonardo Enríquez, no lateral do estadio de fútbol de Pasarón.
Os axentes dirixíronse á zona e sorprenderon o home fronte da igrexa de Santiaguiño do Burgo con medio corpo dentro dun vehículo Mercedes estacionado. O coche tiña o cristal dianteiro fracturado e o home levaba unha mochila, unha ganzúa, lentes e un pasamontañas.
Nese momento comprobaron que rompera cunha garzúa parte da xanela e acabara de fracturala cunha man na que presentaba determinadas lesións, de modo que procederon á súa detención e traslado á Comisaría. Tratábase dun home de 38 anos.
Xa en dependencias policiais, comprobouse que na mochila levaba a ganzúa, tres carpetas clasificadoras con apuntamentos, un chaveiro con seis chaves, dous lentes de sol, dous gorros pasamontañas e unha restra de allos. Supostamente acabara de roubar todo no vehículo Mercedes.