Aumenta un 10% a exportación dos viños da D.O Rías Baixas
Por Anxo Lourido
A Denominación de Orixe (D.O.) Rías Baixas incrementou o número de exportacións durante 2013 cun aumento do 10%, a través dunhas vendas totais de cinco millóns e medio de litros que se trasladaron a case 60 países. A cifra de vendas achegouse aos 28 millóns de euros. O negocio exterior creceu nun 6,69% con respecto ao ano 2012 e as exportacións sitúanse no 32% da produción total da D.O.
Estes datos foron ofrecidos polo presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo e polo secretario xeral, Ramón Huidobro, que avalían positivamente o último exercicio. Segundo Gil de Araujo, o mercado nacional "sigue creciendo" e do 68% da produción que se vende en España, o 50% corresponde ao mercado galego pero con vendas sobre todo en Barcelona, Madrid ou na zona de Levante.
No mercado internacional, o país que máis litros demanda de viño albariño é Estados Unidos con 2.634.314 litros por un valor de 12.982.603 euros e onde o 52% do viño que se consume é branco. Un dos mercados que mellor está funcionando, segundo Huidobro, é o de Reino Unido con 3.314.703 euros invertidos en viños da D.O. e a intención de abrir novos espazos de consumo en cidades como Manchester sen deixar de centrarse en Londres. Alemaña, Puerto Rico e México son os seguintes países na lista de maiores exportacións de viños das Rías Baixas.
Ramón Huidobro apuntou que aínda que se produciu un crecemento en volume e diminución en valor, "el precio medio del litro se ha caido un poquito. A medida que se va creciendo hay una reducción de los márgenes". En relación co viño cualificado, indicou que se produciu un incremento respecto ao ano pasado "en febrero y marzo hemos recuperado la senda y estamos en más de un 50% de vino calificado respecto al año pasado que es una cifra que hay que tener en cuenta. Los mercados se están volviendo a recuperar". Neste sentido, incidiu na importancia do esforzo que están a realizar as máis de 180 adegas e 7.000 viticultores das Rías Baixas.
PREOCUPACIÿN POLA COLLEITA DE 2014
Dende o Consello aínda se descoñecen as consecuencias que terán os temporais deste inverno na colleita deste ano. Juan Gil de Araujo indicou que lle preocupa o "encharcamiento continuado de las raíces", pero ata a floración durante a primavera aínda non se poderá facer un balance da incidencia das chuvias.
O secretario do Consello Regulador engadiu que o 23 de abril presentarán o novo plan estratéxico que reformulará o iniciado fai xa 10 anos pola Escola de Negocios de Caixanova.
Relacionadas:
-
Os 'british' buscan novos viños das Rías Baixas
Por Redacción |
-
O prezo dun Rías Baixas case duplica a media doutros viños brancos do resto de España
Por Oskar Viéitez |
-
Os prestixiosos premios Bacchus 2014 deixan 17 galardóns na D.O. Rías Baixas
Por Redacción |
-
Estados Unidos, destino dunha de cada dúas botellas de albariño vendida no estranxeiro
Por Alejandro Espiño |