Comezan a traballar en Ponte Caldelas dez parados a través do plan de emprego da Deputación
Por Redacción
Un total de dez operarios, que estarán destinados a traballos de limpeza e reparación de infraestruturas municipais, comezan a desempeñar as súas funcións para o Concello de ponte Caldelas dentro do Plan de Emprego posto en marcha pola Deputación de Pontevedra. Estarán contratados por un período de seis meses e cunha xornada a tempo parcial de 25 horas semanais.
Os candidatos para desempeñar estas funcións son persoas en situación de desemprego que veñen remitidos ao Concello de ponte Caldelas dende a Oficina de Emprego que envía un mínimo de tres candidatos por posto a cubrir. Nesta ocasión examináronse un total de 39 candidatos.
A Xunta de Galicia este ano non desenvolveu o Programa de Cooperación cos Concellos que permitía unha vía de contratación de desempregados polo que é a Deputación o único organismo que, con este Plan de Emprego, permite contratar persoal e afrontar pequenas obras que, doutro xeito, terían que esperar mellores expectativas presupostarias para a súa execución.