O Hospital do Salnés denuncia o fillo dunha paciente por ameazas e insultos cando vai de visita
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Hospital do Salnés viuse obrigado a recorrer ao Xulgado e á Fiscalía para buscar solución a unha situación que levan aguantando no centro dende hai xa varias semanas. O familiar dunha paciente hospitalizada dende hai dous meses protagonizou diversos incidentes con ameazas e insultos cara aos traballadores e non poden impedirlle as visitas a un familiar directo, de modo que reforzaron a seguridade nas instalacións e piden a adopción de medidas xudiciais extraordinarias.
Fontes da Área de Xestión Integrada de Pontevedar e O Salnés explicaron que o familiar está ingresado por un problema sociosanitario. Non concreta que se trata da súa nai, pero outras fontes consultadas indicaron que si que é a proxenitoria do que protagoniza os incidentes e que se trata dunha muller de idade avanzada.
O home, de 45 anos, protagonizou xa numerosos incidentes, nalgunha ocasión ata tres e catro veces nun mesmo día. En todos os casos se trata de insultos e ameazas dirixidos a traballadores do centro, pero sen centrarse en ningunha persoa en concreto. Ademais, un garda de seguridade denunciou de forma individual os feitos na Comisaría de Vilagacía.
O hospital considera que xera situacións nada recomendables nun centro sanitario e tiveron que pedir a presenza da Policía Nacional en numerosas ocasións. Ante a persistencia da actitude do individuo, decidiron poñer os feitos en coñecemento do Xulgado (a través de catro denuncias diferentes) e da Fiscalia para pedirlle que adopten medidas que restrinxan o acceso ao centro sanitario.
O propio hospital non pode impedir o acceso do home, senón que é unha medida que ten que chegar do ámbito xudicial. Á espera de que se adopten estas medidas, o centro reforzou a seguridade para intentar garantir ao máximo a integridade dos traballadores, pacientes e visitantes e adoptáronse medidas concretas de control, co obxectivo de evitar as posibles situacións de conflito derivadas da actitude deste familiar.
Á súa vez, dende a Policía Nacional tamén redactaron un atestado policial que foi derivado ao xulgado, no que se recollen os incidentes polos que tiveron que acudir ao centro e tamén a denuncia da que teñen constancia, presentada por un traballador.
Dende a Área de Xestión Integrada quixeron matizar este luns que non existe constancia de que se producise ningunha agresión a persoas e que o hospital adoptou todas as medidas ao seu alcance para intentar garantir a tranquilidade e a seguridade tanto do persoal do centro, coma do resto de pacientes e usuarios. Da problemática desta situación e das medidas adoptadas informouse o persoal do Hospital.
Este luns está prevista a celebración dunha reunión co Comité de Seguridade e Saúde do Hospital do Salnés para informalos das medidas adoptadas.