Os traballadores de Construcciones Crespo decidirán o venres 9 se asumen unha folga
Por Redacción
Os traballadores de Construcciones Crespo concentráronse na tarde deste luns 5 ante a sede situada na Avenida do Gorgullón mentres os delegados sindicais e representantes da empresa mantiñan unha reunión para intentar chegar a un acordo sobre o futuro desta empresa. Non obstante, a reunión apenas serviu para achegar posturas ante o anuncio do peche da entidade. Os representantes da empresa só comprometéronse a trasladar á dirección a petición dos traballadores.
O plantel reclama, segundo explicou o representante da CIG, Xaquín Agulla, deixar sen efecto a petición de liquidación presentada pola empresa e buscar unha fórmula na que se outorgue máis voz aos acredores coa intención de que o xulgado do Mercantil aprobase o convenio de acredores. En todo caso, Agulla insiste en que "sabemos que a situación é crítica polo contexto socioeconómico no que estamos pero queremos que a empresa chegue a algún tipo de consenso cos traballadores".
Durante este martes, a CIG e CC.OO. establecerán un calendario de protestas coa intención de presentalas ante a asemblea de traballadores que se desenvolverá o próximo venres 9 de maio a partir das 19:30 horas.
Entre outras medidas, os representantes sindicais estudan a posibilidade de iniciar unha folga na empresa construtora, unha opción que deberá ser aprobada polos traballadores no transcurso desa asemblea á que están convocados os noventa empregados do actual cadro de persoal.