Condenada a 6 meses de prisión por branquexar parte do rescate dun empresario secuestrado
Por Oskar Viéitez
Vanesa P.M., foi condenada pola Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra como autora dun delito de branqueo de capitais por imprudencia grave. A sentenza considera que esta muller de 34 anos non cometeu o delito de forma "dolosa" senón que obrou por imprudencia.
O fiscal pedía unha pena de tres anos de prisión pero a sentenza a condena a só seis meses de prisión, ademais do comiso de 20.000 euros e unha multa por esta mesma cantidade.
O tribunal entende que esta muller tería contribuído a branquexar o diñeiro procedente de parte do rescate pagado pola familia dun empresario de Meaño, José María Cacabelos Vidal, aos seus tres secuestradores, entre eles o noivo da acusada Omar Bajo Rodríguez.
Un secuestro expreso acontecido en 2006 e polo que o seu noivo aceptou seis anos de prisión tras recoñecer ser un dos autores dos feitos.
Durante a vista oral, Vanesa asegurou que o diñeiro co que comprou un vehículo Nissan era froito do seu traballo como azafata, gogó, camareira e modelo de pasarela. "Traballo os fins de semana dende que tiña 18 anos", xustificou ante o tribunal, "gañaba uns mil e pico euros ao mes".
Non obstante o Tribunal Provincial declara como feitos probados que Vanesa tiña coñecemento de que o seu noivo, con quen convivía, carecía de recursos económicos propios ao non dispoñer dun traballo estable e se desprazou con el a Zaragoza para adquirir o vehículo deportivo de marca Nissan. Sinala que a venda se realizou por 29.000 euros e que a acusada "consentiu en achegar a súa identidade e figurar como a compradora" ante Tráfico "sen adoptar as máis mínimas cautelas acerca da maior parte do diñeiro investido na adquisición".
Para o tribunal teñen "pouca credibilidade" os testemuños dos pais de Vanesa e Omar que aseguran que lles entregaron 6.000 e 7.000 euros que se empregaron para comprar o coche como regalo de vodas.